Segundo o acordo tomado por unanimidade, a Xunta Directiva da “Agrupación Cultural Alexandre Bóveda” (ACAB) xulga moi negativas para a lingua galega as Bases para o decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza, que o Consello da Xunta de Galiza fixo públicas o pasado día 30 de decembro de 2009. Neste sentido, a ACAB desexa unirse ás voces que solicitan a retirada dese proxecto, que atenta contra os dereitos máis fundamentais das persoas e dos pobos. Os motivos que xustifican esta adhesión son os seguintes: 1. Trátase dunha medida artellada de costas á sociedade galegaAs autoridades actuais son conscientes de non contaren con ningún consenso do profesorado, do estudantado, das familias e da sociedade en xeral para este proxecto. Por iso, foi presentado na véspera de fin de ano, na última hora do serán, sen existir ningún proceso previo de diálogo nin de contraste. 2. É unha burla á cidadanía ao se afirmar que se vai impartir un terzo das materias en inglés, sabendo que iso é totalmente inviábel e non se preocupando polo fracaso escolarO presidente da Xunta mente conscientemente cando fala de “plurilingüismo”, pois sabe que iso é imposíbel de aplicar nas condicións actuais económicas. Só utiliza o inglés para camuflar propagandisticamente o ataque contra o galego. Na verdade, os departamentos de inglés non teñen un reforzo real para melloraren a aprendizaxe desta lingua e mesmo a día de hoxe se suprimen os recursos para a formación do profesorado e tamén se reduce o número de profesorado das escolas oficiais de idiomas. 3. Vulnera leis básicas aprobadas por consenso e tratados internacionais de dereitos lingüísticos.O decreto que o Goberno galego quere impor unilateralmente vulnera a letra e o espírito da Lei de Normalización Lingüística (arts. 12 e 13), ben como o da Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias (art. 8). Un goberno serio, cívico e responsábel ten a obriga exemplarizante de cumprir as leis e os tratados internacionais de dereitos humanos e de dereitos lingüísticos. 4. Supón unha agresión á dignidade da nosa cultura que haxa un goberno da Xunta que infravalorice a lingua propia do noso paísTemos de erguer a nosa voz con claridade e exclamarmos que, con independencia do idioma que falarmos preferencialmente no día a día, os galegos e as galegas amamos a lingua propia de Galiza e queremos que non haxa políticas para a discriminaren ou para acabaren con ela. Aspiramos, pois, a xustamente o contrario: que se promova nos diferentes ámbitos en que presentemente aínda non goza de uso, que se afortalen aqueloutros en que se emprega dentro da normalidade, que se garanta a igualdade de dereitos entre as persoas galegofalentes e as españolfalantes, que se proxecte socialmente a súa relevancia como eficaz mecanismo de cohesión social e que se converta, en definitivo, na lingua habitual da nación, como o foi, noutrora, de todo o pobo galego. Por todo isto, a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, na liña dos informes elaborados por diversas organizacións e entidades, tanto do ámbito público canto da esfera privada, insta as autoridades a retomaren o consenso lingüístico segundo ficou reflectido no Plano Xeral de Normalización da Lingua Galega e a cumpriren coa obriga legal da súa defensa e promoción. Outrosí, apoia todas as plataformas e mobilizacións cidadás destinadas a involuíren a actual situación de ataques, de confronto social e de pretendido lingüicidio a respecto do idioma nacional de Galiza.
|