A Asociación Cultural Alexandre Bóveda informa que o vindeiro martes 29, terá lugar a presentación do libro Organoloxía de Eva Moreda. Eva Moreda. Veiga (Asturias) 1981 Licenciada en Filoloxía Clásica e Musicología, actualmente prepara a tese de doutoramento en Historia da Música na Universidade de Londres, publicou xa Breogán de Guisamonde, o cabaleiro da gaivota (1997), coa que conseguiu o premio Rúa Nova 33 que organiza a Fundación Caixa Galicia; O demo e o profundo mar azul (2003), Singularis Domitilla (2004) e O país das bestas (2009). Esta última obra quedou finalista do premio Ánxel Casal da Asociación Galega de Escritores á mellor ficción do ano. Organoloxía estará nas librarías da man de Edicións Positivas desde o mes de maio. Será ás 20:30 h, no salón de actos da asociación, con entrada aberta.
O xurado do V Premio Narrativas Quentes concedeulle o galardón por unanimidade á obra Organoloxía, da escritora Eva Moreda. A autora narra nesta novela as confesións máis íntimas dun grupo de profesoras que quedan encerradas por erro no conservatorio onde dan clase. Durante toda a noite, Caro, Alicia, Xandra, Vic, Enma e Carmela intercambiarán as súas experiencias eróticas, que sempre están relacionadas coa actividade e o instrumento que ensinan. Na acta do xurado, os seus membros destacan a mestría narrativa da novela, a atractiva relación da música co erotismo, así como as emocionantes e poéticas historias das súas protagonistas. Ao longo da narración, créase un ambiente de sinceridade e de confesión íntima entre varias mulleres que, ademais de compartir un centro de traballo, teñen outras moitas cousas en común.
|